8/11/13

A AUTOESTIMA

SABÍAS QUE... 
A autoestima constrúese a través dun proceso de asimilación e interiorización desde o nacemento, pero que pode modificarse ao longo de toda a vida. Xérase pola imaxe que os outros nos dan de nós mesmos e polo valor que lle deamos a esta imaxe. Durante a infancia e adolescencia é cando a autoestima crea unha marca profunda, porque é nestas etapas cando nos encontramos máis vulnerables e flexibles.

 No ámbito infantil, para facer máis manexable o concepto de autoestima, podemos falar de cinco áreas: área social (sentimentos do neno/a sobre as relacións cos seus amigos), área académica (que pensa da súa faceta como estudante), familiar (como se sente como parte integrante da súa familia), imaxe corporal (como ve o seu aspecto físico ou as súas capacidades físicas) e autoestima global (valoración xeral que fai de si mesmo).

 Dicimos que unha persoa ten unha alta autoestima cando se valora positivamente e está satisfeita coas súas habilidades e accións. Estas persoas teñen confianza en si mesmas, coñecen cales son os seus puntos fortes e saben identificar os seus puntos débiles. 

 Considerando que unha boa autoestima fará que os nenos e nenas experimenten efectos positivos como a confianza, o ánimo, o interese e o pracer de aprender e de realizar soños, é necesario que sexa edificada desde que son bebés. 


1 comentario:

Ana Martínez dijo...

Totalmente de acordo coa túa entrada, Ángeles. Grazas por compartilo video. Unha aperta.